Sunday 28 de April de 2024

A Xunta informa desfavorablemente o proxecto do parque eólico “Moeche”


O Concello anima á veciñanza a continuar alegando contra os proxectos de ENEL Green Power, de tramitación estatal, posto que os informes negativos autonómicos non garanten a paralización dos parques

A Subdirección Xeral de Enerxía da Consellaría de Economía vén de enviarlle ao Concello de Moeche o seu informe técnico desfavorable ao Parque Eólico Moeche, promovido por ENEL Green Power España S.L. Na reunión mantida o pasado 23 de xullo en Santiago de Compostela, a directora xeral de Planificación enerxética xa lle adiantara á alcaldesa que a a Xunta emitiría un informe contrario ao proxecto no caso de que este se encontrase fóra das áreas de desenvolvemento eólico. Un extremo que agora se fai oficial tanto por esta razón como polo feito de que a poligonal tamén invade espazos en Rede Natura 2000.

O informe autonómico fundamenta o rexeitamento do proxecto en tres aspectos principais, comezando pola pretensión de ENEL de situar parte dos muíños e unha das tres torres de medición fóra das áreas de desenvolvemento eólico incluidas dentro do Plan Eólico de Galicia.

Ademais desta cuestión relacionada coas infraestruturas, o informe sinala como inconveniente o feito de que a poligonal do parque de 53MW tampouco se axuste á delimitación do plan sectorial eólico e apunta como outro factor determinante que a área total do proxecto “Moeche” tamén tocaría unha parte da Zona de Especial Conservación Xubia-Castro, incluída na Rede Natura 2000.

Outro dos motivos que sustentan o informe desfavorable da Xunta é, segundo o texto remitido ao Concello, que o parque se solaparía co proxecto “Tormenta” de Greenalia Wind Power que nestes momentos se encontra en tramitación de ámbito autonómico por ser inferior a 50 MW. Este proxecto, tal e como informou a Xunta na reunión do pasado 23 de xullo, tería unha potencia instalada de 22,4MW e contempla a instalación de 5 aeroxeradores.

Segundo comentou esta mañá Beatriz Bascoy, o informe da Xunta “respalda a declaración institucional do Concello de Moeche contraria a este proxecto. Un posicionamento de rexeitamento aprobado en pleno só cos votos Grupo Municipal do BNG e coa abstención do Grupo Municipal do PP. Ademais, os argumentos expostos pola Xunta no informe desfavorable son coincidentes cos que se incluirán nas alegacións que presentaremos como Concello e as que está presentando a veciñanza desde hai días”.

O Concello anima a continuar alegando até o 6 de setembro
Canda o proxecto do P.E. “Moeche”, o territorio modestino tamén se vería afectado pola poligonal e varios muíños do parque eólico “Badulaque”, proxectado igualmente por ENEL e publicado ao mesmo tempo. O Concello non recibiu por agora o correspondente informe da Xunta, aínda que cabe agardar que o posicionamento autonómico será similar ao reflectido na comunicación recibida onte.

Porén, desde o Concello lémbrase que a competencia sobre a tramitación destes proxectos é estatal, non autonómica, e polo tanto a emisión de informes negativos por parte da Xunta non garante que se paralice o proceso de autorización. Neste sentido, desde o Concello anímase á veciñanza a seguir participando no proceso de información pública e a presentar as correspondentes alegacións tanto para o P.E. “Moeche” como para o P.E. “Badulaque”.

O prazo para facelo remata o 6 de setembro. Os modelos xenéricos pódense recoller e presentar na Casa do Concello de luns a venres, de 08.30 h a 14.00 h ou ben no local social do Pereiro, da man da A.VV O Val de Moeche, os luns e venres de 10 a 12 h.